Pazos de Borbén, 25 de agosto de 2020
O Concello de Pazos de Borbén, a través da súa concellería de Igualdade, acaba de abrir o prazo de inscrición para o proxecto “ Namórate de ti”. Unha iniciativa destinada a potenciar nos participantes valores persoais como a autoestima, o empoderamento e a cooperación a través da arte da fotografía. O ciclo está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, polo que non ten custo algún.
A actividade conta con dez prazas dispoñibles e componse dun total de catro sesións que se desenvolverán a partir da última quincena do mes de setembro. En cada sesión traballaranse diferentes aspectos co obxectivo de melloras as calidades e capacidades das alumnas.
Ao finalizar a actividade as participantes obterán un book fotográfico en formato dixital con todos os contidos realizados durante o ciclo. Ademais, despois do acto de clausura que se celebrará no auditorio municipal, o hall de entrada da Casa do Concello acollerá unha exposición cos mellores traballos do curso escollidos polas súas propias autoras.
A iniciativa non conta cun límite de idade, polo que todas as mulleres interesadas en participar poden solicitar máis información ou realizar a súa solicitude a través dos Servizos Sociais municipais de Pazos de Borbén antes do mércores 9 de setembro

Servizos Sociais do Concello de Pazos de Borbén
Traballadora Social