Arquitectura popular

En Pazos de Borbén non hai exemplos de construcións monumentais, pero hai moitas pequenas construcións con encanto e conxuntos arquitectónicos interesantes que falan da espiritualidade, das tradicións e das formas de vida do mundo agrario tradicional. As construcións vencelladas ó aproveitamento das augas tratanse aparte, no apartado A cultura da auga

→ IGREXAS

Ao longo de todo o concello podemos atopar multitude de fermosas igrexas, datadas todas elas nos séculos XVI, XVII, e XVIII, levantándose algunhas sobre restos de construcións románicas, restos que aínda conservan as igrexas de San Sadurniño de Amoedo e San Martiño de Nespereira.
Nalgunhas parroquias podemos atopar importantes conxuntos arquitectónicos formados por unha igrexa, a súa correspondente casa reitoral e o seu cemiterio parroquial. Un bonito exemplo é Sta. María de Pazos.
Aínda que estas igrexas se fosen construíndo con aportacións de varios estilos arquitectónicos europeos, o resultado en todas elas é tan similar na súa estructura e tipoloxía que poderiamos cabalmente decir que contan cun estilo propio, que poderiamos chamar estilo rural galego. Un bo exemplo é a igrexa de Xunqueiras.

Igrexa de Amoedo
– San Sadurniño

Igrexa de Borbén
– Santiago

Igrexa de Cepeda
– San Pedro

Igrexa de A Ermida
– Nosa Señora da Anunciación

Igrexa de Moscoso
– San Paio

Igrexa de Nespereira
– San Martiño

Igrexa de Pazos
– Santa María

Igrexa de As Xunqueiras
– San Salvador

→ ADROS E CEMITERIOS

Normalmente este tipo de igrexas dispoñen de pequenos recintos ao seu redor, os adros. O adro sempre aparece cercado por muretes baixos de mampostería, ou tamén por pequenas paredes de sillería ás que se adosa polo seu interior un banco corrido.
Ata principios do século XX os enterramentos realizábanse no chan destes recintos, formando as lápidas o enlousado do adro da Igrexa. Este tipo de cemiterios foron desaparecendo en tódalas parroquias de Pazos de Borbén, conservandose únicamente o de San Martiño de Nespereira.
Durante o século XX fóronse engadindo panteóns dentro do adro da igrexa. Un dos cemiterios máis coñecidos neste estilo é o de Xunqueiras, que destaca pola espectacularidade dos traballos en pedra dos seus grandes panteóns.

Igrexa e panteóns de As Xunqueiras

Igrexa de Nespereira – Detalle do adro

→ PETOS DE ÁNIMAS

En canto ós Petos de Ánimas, destaca o da parroquia de Pazos, importante monumento relixioso de gran interese etnográfico. A súa construcción fíxase no século XVIII. Está situado nunha encrucillada da parte central da parroquia. A devoción ás ánimas segue viva entre as xentes, que adoitan levarlles como ofrenda patacas e millo con formas raras

Peto de ánimas de Pazos
(Cruce frente ao antigo Cncello)

Peto de ánimas de Borbén
– Carretera a Mondariz, (preto do límite municipal).

→ CANASTROS

Centos de canastros espallados por tódolos núcleos de poboación, agora xa en desuso, aínda que a maioría ben conservados, dan fe dun recente pasado agrícola na nosa zona. Utilizábanse para gardar o grao e as colleitas, especialmente o millo. En xeral son de feitura coidadosa e elaborada e expresan a importancia que tivo para a subsistencia do labrego o que nel se gardaba. Os horreos adoitaban construírse perto da casa.
Algúnhas destas construcións contan con esculturas en pedra que podemos chamar verdadeiras obras de arte. Antigamente a crenza era que estes remates dos hórreos lle daban boa sorte, para que non se perderan as colleitas e para espantar ás meigas.
Hoxe en día os canastros ou hórreos forman parte dun conxunto de fermosas construcións que decoran e se integran na paisaxe.

→ FOXO DE LOBOS

OS FOXOS

No Concello de Pazos de Borbén, concretamente na parroquia de Moscoso, atópanse os restos dun foxo que se utilizaba antigamente para a caza dos lobos.
Esta construción estaba composta por dous muros de grandes dimensións que formaban unha uve converxendo nun punto onde existe un burato moi fondo no chan. Estes muros permitían conducir ó lobo ata dito burato, co obxetivo de deixalos sen posibilidades de fuxir.
A antigüidade desta contrucción non está determinada. O que si se sabe é que deixou de utilizarse aproximadamente a fináis do século XIX
Malia que por desgracia a maioría das grandes pedras que formaban os seus muros foron “desaparecendo” cos anos, aínda hoxe se poden observar pequenos restos desta curiosa cosntrucción.